EN QUE CONSISTEN AS VII XORNADAS DE PORTAS ABERTAS?

Se te unes ás VII Xornadas poderás facer visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes na promoción. Todas terán as súas portas abertas para ti durante a fin de semana da campaña. Ao finalizar a visita ofreceranche como agasallo unha degustación dos mellores viños de Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra ou Valdeorras. Tamén atoparás restaurantes onde poderás escoller entre dous menús concebidos especialmente para esta ocasión. Os menús compoñeranse de primeiro e segundo pratos -maridados ambos con viños da Denominación de Orixe na que te atopes- e sobremesa. Algúns dos restaurantes adheridos tamén ofrecerán menús infantís para os nenos menores de 12 anos que acompañen aos adultos.

En cada Ruta poderás atopar ademáis un programa especial de actividades para a fin de semana: catas comentadas, visitas a museos do Viño, rutas monumentais, paseos en barca, trens turísticos, descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co mundo do viño.

Realizaranse  tres visitas guiadas o sábado e unha o domingo coseguinte horario de atención ao público:

Sábado: 11.30 h., 13.00 h. e 17.00 h.
Domingo: 12.00 h.

Recoméndase confirmar a visita vía telefónica coa adega correspondente.

Participa no sorteo de billetes para os Trens Turísticos de Galicia.

E este ano gaña un billete para o novo Tren turístico de Galicia da Ruta do Viño da Ribeira Sacra polo río Miño participando no noso concurso. Con este tren descubrirás outra Ribeira Sacra, quizais non tan coñecida pero igualmente abraiante. Visitarás o convento das Bernardas, onde poderás adquirir a súa repostería artesanal e saboreala mentres te achegas ao Ecomuseo Arxeriz, espazo onde se combinan a etnografía, a historia e a natureza da Ribeira Sacra. Xa pola tarde chegarás ata o “Cabo do mundo” a bordo dun catamarán que te paseará polo río Miño, nunha espectacular travesía chea de aires románicos. Despois gozarás de estampas da viticultura heroica na adega Vía Romana, ubicada nunha casa solariega do século XVI que  debe o seu nome á calzada romana que unía Astorga con Braga.